Sinopse: Trala derrota na Segunda Guerra Mundial, Alemaña carece das materias primas necesarias para a emerxente construción en formigón armado. Así, o Estado decide apostar pola construción en terra de edificios de vivendas para facer fronte á numerosa demanda de vivenda existente. O resultado, o desenvolvemento dunha incrible pero real maquinaria de construción sacada dunha novela steampunk. Benvidos ao futuro de 1948!
Sinopse longa: A construción en terra supuxo unha aposta firme do Estado Alemán por mor do longo período de escaseza de materias primas da posguerra, tanto na R.D.A. como na R.F.A. A construción en terra centrouse en técnicas de tapia, adobe, terra-palla e revocos de arxilas e cementos naturais que xa tiveran un primeiro revival no século XIX e un segundo na fin da primeira guerra mundial. A aposta pola utilización de materiais locais foi fundamental, facendo un especial esforzo na capacitación de obreiros especializados nas diferentes técnicas. A técnica de posta en obra e a sofisticación da maquinaria acadou cotas asombrosas para a época.